Loading...

O Monbus Obradoiro perde ante un Súper Agropal Palencia que iguala a eliminatoria

OBRADOIRO C.A.B.
18 de maio de 2025

O domingo pola tarde, a afección do Monbus Obradoiro volvía ao Multiusos Fontes do Sar para presenciar o segundo encontro do play-off de ascenso á ACB contra o Súper Agropal Palencia. O primeiro enfrontamento fora favorable para os galegos, que acadaran a vitoria por 87-83 o venres á noite.


Co balón en xogo, houbo que agardar un minuto para ver a primeira canastra, que caeu do lado visitante. Con todo o Sar en pé, pasaron dous minutos máis ata a seguinte canastra, que significou o empate (2-2). Os puntos comezaban a sumarse no marcador, e o ecuador do primeiro cuarto chegou cun triplo de Brad Davison que poñía o 8-9.


O Súper Agropal Palencia non levantaba o pé do acelerador e, tras algunhas posesións perdidas dos locais, aproveitou para poñerse de novo con +5 (8-13). A falta de dous minutos para rematar o primeiro cuarto, Balvin empatou o encontro desde a liña de tiros libres, tras unha falta técnica sinalada ao adestrador visitante (13-13). A igualdade mantívose nos últimos compases do período, que rematou cun axustado 17-19.


Os seguintes dez minutos comezaron cunha canastra para os castelán-leoneses, que lles permitía tomar folgos. O partido atascábase co 19-21, pero Micovic apareceu desde o perímetro para darlle a primeira vantaxe ao Monbus Obradoiro (22-21). Con quince minutos de xogo, os locais alcanzaban a súa maior renda ata o momento, +5, grazas a un triplo de Millán Jiménez (28-23).


A bancada comezaba a vibrar e o equipo local vivía o seu mellor momento no partido. Micovic seguía afinado desde o perímetro e poñía aos seus once puntos arriba (36-25). Un sólido Monbus Obradoiro logrou pechar a primeira metade cunha vantaxe de +10 (41-31).


Tras o descanso, e cos xogadores de volta na pista do Sar, repetíase a tónica do primeiro cuarto: o Súper Agropal Palencia anotaba as tres primeiras canastras e devolvía a igualdade ao marcador (41-38). Pouco tardaron os composteláns en reaccionar e tentar recuperar a vantaxe (45-38).


Os visitantes mantiñan un bo ritmo e impedían que o Monbus Obradoiro lograse unha distancia suficiente para pechar o cuarto, que rematou cun 52-49. A pouco máis dun minuto do final do período, o Súper Agropal Palencia logrou empatar o encontro e, pouco despois, poñerse de novo por diante (54-57). O terceiro cuarto rematou con vantaxe para os castelán-leoneses (56-59).


O último cuarto comezou cos visitantes ampliando a súa vantaxe a +8 (56-64). Cunha diferenza que non deixaba de medrar, o Súper Agropal Palencia acabou por sentenciar o encontro a falta de varios minutos para o final. Facendo valer o seu sólido rendemento no terceiro e último cuarto, levaron a vitoria cun claro 72-85.


Ficha técnica


72 – Monbus Obradoiro: Brad Davison (3), Álex Galán (0), Vladimir Brodziansky (14), Ondrej Balvin (12), Strahinja Micovic (11), Milán Jiménez (6), Lucas Faggiano (0), Nacho Varela (6), Sergi Quintela (14), Alex Barcello (1), Álvaro Muñoz (2), Oliver Stevic (3).


85 – Súper Agropal Palencia: Leslie Nkereuwem (4), Alec Wintering (17), Adam Kunkel (13), Tobias Borg (20), Xabi Oroz (0), Manu Rodríguez (10), Chema González (2), Lovro Gnjdic (1), Pablo Hernández (0), Juampi Vaulet (0), Cameron Krutwig (16), Dimitar Dimitrov (2).


Cuartos: 17-19, 41-31, 56-59, 72-85.


Árbitros: Germán Morales Ruiz, Víctor Mas Cagide, Cristina Adán Rodríguez.


Incidencias: Partido correspondente á segunda xornada do play-off de ascenso á ACB disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 5.701 espectadores.

0 Comentarios
Inicia sesión ou rexístrate para comentar