O xogador Ondrej Balvin, nacido o 20 de setembro de 1992 en Ústí nad Labem, República Checa, incorporarase proximamente ao Monbus Obradoiro para esta tempada.
Con 32 anos e 2,17 metros de altura, non será a primeira vez que xogue en España, xa que anteriormente disputou varias tempadas na Liga Endesa ACB. Estivo 6 tempadas en Sevilla, no Cajasol Sevilla; 1 no Movistar Estudiantes; 2 no Herbalife Gran Canaria; e 2 no Bilbao Basket. Chega procedente do Shanxi chinés, onde acadou un promedio de 9,1 puntos, 6,6 rebotes e unha asistencia por partido.
Desde o Monbus Obradoiro, nas últimas semanas valoráronse distintas opcións de mercado para reforzar o equipo. Esta situación, xunto coas lesións de longa duración de Tomeu e Toms, obrigou a considerar incorporacións de maneira máis global.
Héctor Galán, director xeral do Monbus Obradoiro, quixo “destacar o esforzo do club, ou máis concretamente do Consello de Administración, para dar un paso adiante e facer o equipo o máis competitivo posible nunha liga onde hai moitos movementos bos para reforzar cada un dos equipos. Non quixemos quedarnos atrás, e a incorporación de Ondrej é unha mostra diso”.
Ademais, engadiu que Ondrej Balvin “é un xogador amplamente coñecido, con experiencia en España, en varios equipos da Liga Endesa, onde xogou a un moi bo nivel. Tamén conta con experiencia internacional coa súa selección. Traemos un xogador grande para o posto de pivote, moi decisivo a todos os niveis. Poderá achegarnos esas carencias que quizais tiñamos en presenza defensiva, rebote ou lectura”.
“No equipo estamos moi ilusionados co fichaxe, moi contentos de que Ondrej aceptase o reto e de que queira vir a Santiago e formar parte do proxecto do Obradoiro. Queremos desexarlle toda a sorte do mundo e confiamos plenamente en que será unha incorporación que nos dará o salto de calidade que estamos a buscar”.
Desde o club, estase a traballar para que o xogador poida estar presente no partido de mañá no Multiúsos Fontes do Sar para coñecer e vivir o ambiente dos partidos do seu novo equipo.